sábado, 24 de abril de 2010

Festa de San Xurxo

.
.
.

Igrexa do pobo

no alto asentada,

de luciñas toda

moi engalanada,

vento feiticeiro

bandeira ondeada,

repican campás

hai misa cantada,

.

Tocan os gaiteiros

estoupan foguetes

xa se enche o adro

de mil tenderetes.

.

Xa pola noitiña

con ritmo de moda

moi ben orquestrada

por altofalantes,

mociños solteiros

todos moi galantes

namoran as mozas,

.

¡hai festa rachada.!


.
.

jueves, 15 de abril de 2010

A rapariga Mariola


Pola mañanciña cedo

pouco antes de ir para a escola

cunha variña na man

a rapariga Mariola

levaba o gando pra o monte

en zocos e camisola.


Con aquel respiro fresco

camiñaba moi gustosa

xa che entrara a primavera

e a herba estaba vizosa,

xuntaba para un ramiño

a floriña máis fermosa.

La pastorcilla
(Adolphe Willian)



As vacas moi paseniño

subían ata o Castelo,

disque alí naquel outeiro

peiteaba a moura o cabelo

traía tolos ós homes

e as mulleres pesadelo.


Ela nunca vira nada

enriba daquel poleiro

pero sentíase ben

enchendo o seu peito enteiro

co primeiro raio do sol

e os arumes do piñeiro.


Deixaba as vacas pacendo,

elas sabían voltar,

a rapaza xa cumplira

como se fora a xogar

baixaba de pedra en pedra

ata cos libros topar.

.

.


martes, 6 de abril de 2010

O pan de millo



Cheiraba a fiuncho frondoso

cantaban as augas do río

moendo, moe, que moe

non paraba aquel muíño.


Diante da porta gastada

nunha pedra sentadiño

agardaba o muiñeiro

polo saquete do millo.


Aquela sería a fariña

peneirada miudiño

para facerlle as papas

o avó e o meniño.


Tamén se faría pan,

farelo para o porquiño,

moita famiña matou

da artesa aquel codeliño.

jueves, 1 de abril de 2010

A muller do mariñeiro


Monumento a muller do mariñeiro
(Cedeira - Ortegal )


A muller do mariñeiro

éche unha viuva con home

o maior do tempo está soa

un prezo que non ten nome.


Sempre cos ollos mirando

para as ondiñas do mar

para ver se chega o barco

cara a beiriña do lar.


Con moito amor cría os fillos

e atende a súa casa

co seu corazón nun puño

vendo como tempo pasa.


Moi lonxe do seu amor

prégalle a Virxe do Carme:

“Tráemo a mín san e salvo

e grazas por axudarme.”