miércoles, 26 de mayo de 2010

Nunca chove a gusto de todos



Despois de tomar nas praias

unha perfecta raxeira

chéganos chuvia abundante

pra terra da sementeira,


con ela xa nace o millo

tamén medra a patateira

dá gusto ve-las cebolas,

pimentos e tomateira,


Engordan as uvas nas viñas

o froito en cada froiteira

as augas das nosas fontes

xa enchen a canle enteira,


pero tamén hai quen dí

que así non hai maneira

que queren tumbarse ó sol

con figura preguiceira.

¿Ti qué dís?

domingo, 23 de mayo de 2010

Vivir verdadeiro





Hoxe tócame a pintar

este rolar dos humanos

onde todo é un pasar

importancia só lle damos

ó que non debe importar.


Devecemos polo ter

en iso vaino-la vida

e todos nos esquecemos

que na esencia do ser

está o saber vivila.




lunes, 17 de mayo de 2010

Malos ventos




Que a esperanza non nos falte

cando corren malos ventos

o sangue galego é forte

todos xuntos gañaremos.


Temos esta nosa terra

aguerrida e ben fermosa

temos esta nosa lingua

propia e agarimosa.


Temos ese gran tesouro

que é o noso latido

día a día, noite a noite

seguirá o seu camiño.

martes, 11 de mayo de 2010

Amor verdadeiro



Illas Cíes

Ondiñas dese ancho mar

que bicas a miña terra

traes caricias do mundo

traesme na auga unha aperta.


Deses fillos que se foron

deses corazóns valentes

que cando estaban contigo

ensinácheslle a quererte.


Beberon das túas fontes

curteunos vento mareiro

cheiriños dos verdes campos

folgo de amor verdadeiro.


Agora de ti alonxados

traballando noutro eido

devecen estar contigo

debaixo do mesmo teito.



jueves, 6 de mayo de 2010

Irmáns




Folguexamos os mesmos adentros

fíxonos o mesmo sangue

comemos do mesmo pan

naqueles anos da fame.


Trouleamos nos mesmos eidos

compartimos cos mesmos viciños

desfrutamos da humilde escola

tamén nos demos cariño.


Axudamos no traballo

pateamos veigas e montes

tivemos un mesmo ceo

bebemos das mesmas fontes.


Despois distintos camiños

agora distintos fogares

temos as mesmas ledicias

temos os mesmos pesares.

sábado, 1 de mayo de 2010

O maio

.

.

.




Xa chega este maio

non foi preguiceiro

feito polos nenos

quixo ser primeiro.

.

Cheo de floriñas

está fachendoso

érguese na praza

el é moi ditoso.

.

Pampillos da veiga

do río a espadaina

fiuncho do monte

colga da polaina.

.

Cenefas de ovos

e tamén colares

rodean o corpo

alento dos lares.

.

Frescos arrecendos

laranxas da horta

a paz para o mundo

é zume que importa.

.

Cinguida no alto

humilde coroa

respectar ó pobo

iso é cousa boa.

.

.

.