jueves, 30 de diciembre de 2010

Ano vello

Imagen Ramón G Giribet


Lembras amor…
e bailabamos e bailabamos e bailabamos
armoniosas melodías
as túas mans no meu van
e caían sobre nós
os pétalos do tempo

aluma os teus ollos,
vestirémonos con aroma
de primavera
e coas túas mans no meu van
bailaremos e bailaremos e bailaremos.


jueves, 23 de diciembre de 2010

Mar adentro

. . .
.

Non importa o vieiro
que nos leva a vogar
mar adentro,
mareas de luz
abren as portas
do Paraíso

escoita o Universo
o doce canto
do aleluia.

domingo, 19 de diciembre de 2010

Tesouro





Anhelo místico
me leva polo camiño
do misterio,
descubri-lo tesouro
que aniña
na nosa alma.







viernes, 10 de diciembre de 2010

Xelados puñais

Imaxe de internet


Xelados puñais
colgan dos tellados
a sutil transparencia
acoitela o aire
espasmos de luz
entran pola fiestra

chega axiña,
sen tempo de pensalo,
trae na man o inverno
unha camelia branca

no interior, moi adentro
a carón da chama
todo se acomoda.


domingo, 5 de diciembre de 2010

Flor de loto



Quixera ter
as palabras precisas,
vieiros de luz
que encandilan
recunchos grises
que repousan
nas augas tranquilas

flor de loto
na túa mirada.



domingo, 28 de noviembre de 2010

Mirada de luz


Cuadro de Miguel Menassa



Neste xardín
onde reinaba o sol
mestúrase o gris
coa humidade

só a túa mirada
fai que aflore
a beleza
desta planta fráxil.


lunes, 22 de noviembre de 2010

Outono de melancolía

.
.

.


Pintarei para tí
un outono de cor laranxa
e aroma da flor do níspero

verás que os sentidos
non respiran tristeza,
o aire ven cargado de encantamento

apartará do teu peito
a melancolía
dun prematuro inverno.


martes, 16 de noviembre de 2010

Felicidade


.
.


Sempre foi a ben querida
a dona da luz e da ledicia,
dende o comezo dos tempos
todos devecen por posuíla,

o seu canto é doce e melodioso
na fraxilidade da súa esencia
agochánse fragancias de cálido amor,
todo é paz e harmonía
non hai amargura nin desesperación

algúns conseguen ir da súa man
polos camiños de fermosura
que levan ó paraíso.








lunes, 8 de noviembre de 2010

O sagrado tesouro

Imaxe da web



Con arrecendos
de castiñeiros e pinos
polas fragas da humildade
xuntabamos nos ourizos

nas mans sangue e tino
para alcanza-lo tesouro
custodiado por espiños

o espíritu do souto
falábanos do sagrado,
dos ancestros milenarios
de recoller na alma
a grandeza do agasallo.




lunes, 1 de noviembre de 2010

Pombas ateridas

(Cuadro de Juán Rafael)



Xa tremen as mañás
cos primeiros fríos

son as pombas ateridas
que se agochan
nas árbores sen follas

é a hora precisa
da procura do raio,
a calidez do bico
que acaricia.




jueves, 21 de octubre de 2010

A caracola

(Imaxe sacada da web)


Os raios tíbios do sol
bican á caracola
no seu leito de area

trouxo dentro do labirinto
o segredo das augas azuis
que verte na branca escuma

escoitaremos por sempre
no rumor das ondas que chegan
o amor do seu Océano.





jueves, 14 de octubre de 2010

Ós mineiros liberados




Dende as profundidades
da terra chegaba a dor
dos enterrados

hoxe a luz
ganou as tebras

suspiros de ledicia,
un novo canto
para este renacer á vida.






domingo, 10 de octubre de 2010

O día




Todo luz e todo noite
nun reloxo de area

todo empeza e todo acaba
escrito nas páxinas
infindas do universo

saboreo este grolo de vida.




jueves, 7 de octubre de 2010

Mar e ceo

Pincha para agranda-la imaxe



Seguen a ve-los meus ollos
todo o mar e todo o ceo
que enchen a miña vida

e aínda que os pechara
por esta xanela aberta
o cheiriño que me entrara

folgo para min sería.





domingo, 3 de octubre de 2010

Outono mollado




Chega con bágoas
o vento do outono
á caída da folla
o mollado sono

repouso místico
no que a alma medita.




martes, 21 de septiembre de 2010

Fogar de luz

.
.
.
.
Vestirse co raio do sol
no amencer de cada día
enche o corazón
de cálido abrazo
.
fogar de luz
onde se quenta
o saúdo da friaxe.
.
.

miércoles, 15 de septiembre de 2010

Mar e ceo



Neste mar de augas grises

e de espuma branca,

está latente a cor

de miles de ceos,


do latir dese silencio

rexurdimos cada día.



sábado, 11 de septiembre de 2010

Orballo




Hoxe espertou a herba

co orballo do outono

na súa pel


xa non sente o raio

que queima a raíz


axiña será parte

do verde tapiz

que se tece na noite.






domingo, 5 de septiembre de 2010

Ascuas




Viaxando na túa compaña

polos vieiros da vida

quixera beber do amor

que non esmorece,


inda que sexa unha osadía

camiñar

sobre ascuas acendidas.




martes, 24 de agosto de 2010

Luz no labirinto




Vivir preto

da pedra do Labirinto

é lembrar luces extintas


espello dos ancestros

con nome de dificultosa saída


atalaia frente ó mar

con mirada no infinito.





miércoles, 18 de agosto de 2010

Pétalos




Tremen os derradeiros pétalos

antes de caer feridos


ventan o outono

no fondo dos meus ollos


saben do seu novo colorido

agardan a lene brisa.




jueves, 12 de agosto de 2010

Rosa pálida

Foto: Diego Gil Navarro




Loita a rosa por saír

do carón dunha silveira

por máis empeño que pon

por lucir fresca e fermosa

palidece a súa cor

á sombra da preguiceira.


Non verán estes meus ollos

como che rouban sustento

atoparei para ti

mellor lugar pra vivir.




viernes, 6 de agosto de 2010

Luz de agosto




Quixera deter este día

no canto dun poema


luz dun flamante agosto

onde os deuses

aniquilan as tebras


inmaculada transparencia

prodíxio do que a vida

medra




sábado, 31 de julio de 2010

Todo

Praia do Santo, praia de Lapamán (Marín)



Anchos campos

frescas fontes

e todo o verdor dos montes

non caben dentro de mín


unha brisa que perfuma

un verán feito de escuma

de sol e bicos de mar.


Quén desexa pedir máis?




miércoles, 21 de julio de 2010

Vieiros de luz




Esperta a mañá gloriosa,

non se trabucan os vieiros infindos

vencen os días ás noites

a luz permanece acesa,

a que todo clarifica.




viernes, 16 de julio de 2010

A modiño




Era tanto o bule, bule

que na procura de acougo

un día deixei de correr


a bolboreta na flor

o tremer daquela herbiña

a pinga que vai caer,

o círculo da abella

a cor do escarabello

no mar o raio do sol


agora xa podo ver


a modiño, a modiño

e máis doado querer.


.



viernes, 9 de julio de 2010

Amor mariñeiro

Ana Graciela Fassi , mujer y las gaviotas



Ay, Xoana, Xoaniña

xa non tes máis que chorar!

as bágoas xa se secaron

e no teu peito deixaron

feridas por se curar.


Non sabes miña meniña

que ese amor mariñeiro

inda que fora o primeiro

xa non o debes lembrar?


Atopou vento mareiro

que non o deixou voltar.


Ay, Xoana, Xoaniña

xa non tes máis que chorar!

martes, 29 de junio de 2010

Fumigadora





Unha ría moi fermosa

nela unha fumigadora

de natureza traidora

os seus fumes nos amosa.


Pobo do sur ou do norte

según como sopre o vento

contaminado este alento

o que nos tocou en sorte.


Que este ceo non permita

que sufra o campo ou o mar

que sigan a soportar

a maldición infinita.

jueves, 24 de junio de 2010

A noite de S. Xoán






Noite meiga, noite meiga
noitiña de San Xoán
non hai monte nin ribeira
que non teña unha fogueira
por riba da que saltar.

Xa teño as miñas herbiñas
para deixar ó serán
que xunto coa auga e o lume
esta noite milagreira
todo vai purificar.

Reflexos das labaradas
vense nas augas do mar,
enchese o ceo de estrelas
para acompañar a lúa
que vén ás olas bicar.



domingo, 20 de junio de 2010

Gaiola de ouro




Paxariño que libre te queres ver

desa gaiola de ouro,

sendo libre a quixeches pechada,

¿por qué agora a queres aberta?

viernes, 11 de junio de 2010

Na espera




Nube de chuvia

que agacha ó sol

no ceo escuro

da primavera


raiola quente

detrás do muro


calada espera.

sábado, 5 de junio de 2010

Arrecendos do fogar




Domingo de leña e fume

auga da fonte fresquiña

pon ahí miña meniña

a pota con lento lume.


Carne de polo e de vaca

que non falte a de porquiño

do sabor do unto un chisquiño

fabas, repolo e pataca.


Xa está na mesa servida

un excelente cocido

é de todos ben sabido

que non hai mellor comida.


Hoxe é día de folgar

catro contos e bo viño

tamén se achega o veciño

para á brisca acompañar.


Disfruto doce momento

arrecendo do fogar

a ledicia dun cantar

cheíño de encantamento.

martes, 1 de junio de 2010

Á memoria do meu pai





Eran horas derradeiras

de maios moi traballados

sucos labrados na cara

por onde corrían suores

amasados coas calores

de amados brazos cansados.


Cando chegabas ó lar

doía o corazón ó verte

coma planta casi inerte,

cumprido fiel compromiso

buscabas no tallo acomodo

e nas verbas un sorriso:


do traballo sae todo!

miércoles, 26 de mayo de 2010

Nunca chove a gusto de todos



Despois de tomar nas praias

unha perfecta raxeira

chéganos chuvia abundante

pra terra da sementeira,


con ela xa nace o millo

tamén medra a patateira

dá gusto ve-las cebolas,

pimentos e tomateira,


Engordan as uvas nas viñas

o froito en cada froiteira

as augas das nosas fontes

xa enchen a canle enteira,


pero tamén hai quen dí

que así non hai maneira

que queren tumbarse ó sol

con figura preguiceira.

¿Ti qué dís?

domingo, 23 de mayo de 2010

Vivir verdadeiro





Hoxe tócame a pintar

este rolar dos humanos

onde todo é un pasar

importancia só lle damos

ó que non debe importar.


Devecemos polo ter

en iso vaino-la vida

e todos nos esquecemos

que na esencia do ser

está o saber vivila.




lunes, 17 de mayo de 2010

Malos ventos




Que a esperanza non nos falte

cando corren malos ventos

o sangue galego é forte

todos xuntos gañaremos.


Temos esta nosa terra

aguerrida e ben fermosa

temos esta nosa lingua

propia e agarimosa.


Temos ese gran tesouro

que é o noso latido

día a día, noite a noite

seguirá o seu camiño.

martes, 11 de mayo de 2010

Amor verdadeiro



Illas Cíes

Ondiñas dese ancho mar

que bicas a miña terra

traes caricias do mundo

traesme na auga unha aperta.


Deses fillos que se foron

deses corazóns valentes

que cando estaban contigo

ensinácheslle a quererte.


Beberon das túas fontes

curteunos vento mareiro

cheiriños dos verdes campos

folgo de amor verdadeiro.


Agora de ti alonxados

traballando noutro eido

devecen estar contigo

debaixo do mesmo teito.