sábado, 17 de diciembre de 2011

No colo do vento

.
.

Imaxe de Internet



Vestireime de aurora
para recibir
a calidez da túa pel
cando amañece

seremos
esa parte do tempo
que agarda
o retorno do sol,
nas pingas da chuvia
no colo do vento.





lunes, 5 de diciembre de 2011

Lúa de inverno

.
.
.




Nin a neve, nin a chuvia
nin o frío, nin o vento
vencen á luz da lúa
nas claras noites de inverno

cómplice do amor
aparta as tebras do tempo
bica con beizos de prata
doces soños do silencio

amante desta paisaxe
non te afastes de ti mesmo.








sábado, 12 de noviembre de 2011

Insomne

.
.
.






É a palabra na noite
filla do momento
insomne

a fragancia dunha flor
que nace
na penumbra

a evasión do silencio
que accede a ser
aurora.

Imaxe:

Tulips under moon
Autor: Antony84








martes, 1 de noviembre de 2011

Pétalos de crisantemos

.
.




Entre a vida e a morte
hai un espazo sonámbulo
unha sutil transparencia,
inevitable tránsito
ata a última certeza
memoria póstuma
da existencia

e na alma luces
amadas ausencias
pétalos brancos
de crisantemos.







martes, 4 de octubre de 2011

Vieiro místico


.
.
.
Imaxe de internet


Somos un voo descendente
un lene suspiro,
un soño
e levamos amor
unha pregaria de luz nos ollos,
un prodixio de cores
polo vieiro místico
deste fráxil outono.






domingo, 18 de septiembre de 2011

A raíña margarida


.Foto no noso xardín
.


Non se pode
atrapar nas letras
tanta beleza
cando se iluminan
os meus ollos
coas cores
con que
pinta
a natureza

canto ensina!

fai posible
que no outono
a primavera
exista.





lunes, 5 de septiembre de 2011

Mar e silencio

.
.
.
Foto Xanela (praia da Lanzada)

.
.Xa non hai algarabía
peneira as areas o vento
a gaivota deixa na praia
as fráxiles pegadas do tempo

pousa o sol sobre as augas
un gran regueiro de luz
un cálido latir
de amante namorado

ten hoxe o mar
ese silencio de outono
ese dourado misterio
que quixera desvelar

cánta paz hai nun respiro
cánto azul hai no meu peito.




domingo, 28 de agosto de 2011

Caída da folla

Foto xanela



Orballo que molla
a mañán presente
ven da lene frescura
que acariciou a noite

xa está na árbore
a morte latente
xa está en min
outono que nace.



viernes, 19 de agosto de 2011

Preludio de outono














Pegómez(Rio Lerez)



Xa non cantan
xa non cantan as augas,
tan soltas tan brincadeiras
a miña canción do verán
por entre as pedras do río

son as primeiras follas douradas
que en voo lento, suave
pousadas na súa canle
me van marcando outro ritmo.





viernes, 12 de agosto de 2011

Fugacidades


Imaxe de internet



Bogando mar adentro
nesta barca que me leva
tan feble tan sinxela…
non é doado
cruza-lo infinito dos océanos,
chegarei ata onde chegue
o segredo da luz
o arrecendo do sal
a onda na area,
a voz do poema.








viernes, 5 de agosto de 2011

Un novo día

Joaquín Sorolla



Cando agardas
un tempo de lecer
en fulgurante espello
de auga en calma
aparece un amencer de chumbo
envolto na néboa branca

non desesperes amor
pintarei para ti
un ceo sen nubes
un sorriso de sol
un mar de auga clara
un bico de amor
na praia dourada.






miércoles, 27 de julio de 2011

Alma núa

Desnudo azul(Picasso)



Cómo se iluminan os ceos
cómo as froitas maduran
son tempos estivais
nos que a terra amosa
os tesouros ocultos

é o azul
a transparencia do raio
a auga do mar
os que deixan a alma núa.







miércoles, 20 de julio de 2011

Festa do Carme

Foto Samuel Acuña


Virxe do Carme en Marín
miña Virxe milagreira
hoxe cantan para ti
unha salve mariñeira

son estas xentes do mar
que en procesión te celebran
cos barcos engalanados
que seguen a túa estela

eres acougo e milagre
entre as augas e tormentas
hoxe queren ser contigo
un pobo que está de festas.



viernes, 8 de julio de 2011

Alga durmida













.

Praia da Lanzada




Vexo durmi-lo sol
entre as augas do mar
pétalos dourados na area
gaivotas que flotan no ceo
velas brancas que flabelan
todo me leva,
a pecha-los ollos
a deitar nas olas
pensamentos que me inquedan
a deixarme abanar
pola lenta brisa
perfume oceánica
neste doce leito
un sono, unha caricia .




viernes, 1 de julio de 2011

Carballo amigo

Foto Xanela




Hoxe choquei coa maldade
na pel da árbore extinta
vin no carballo furado
buracos que chegan á cerna,
as súas folliñas secas
aínda rezuman veleno,
a súa vida aniquilada
clama ó ceo

a quén lle podería estorbar
para darlle tal destino?

xa non volverá a escoitar
rumores da fonte veciña
palabras de namorados
nin os xogos dos cativos.

Adeus árbore sagrada
adeus meu carballo amigo
xa non volverás a ser sombra
xa non volverás a ser niño.







jueves, 9 de junio de 2011

Bicos de mar

Foto Xanela




Ven de nacer un sorriso
na fresca brisa da aurora

cóxegas enfeitizadas
na miña pel que ti moras

caricias no corazón
murmurio de caracolas

a ledicia dos teus beizos
pracer no bico das olas.



miércoles, 1 de junio de 2011

Derradeiros pétalos

Imaxe de internet


Vestireime cos últimos

pétalos de maio
delicada pel
aroma extinto
para este bals de primavera,
bailarei no abrazo
que me celebra
ata ó amencer dos teus ollos,
harmonía selecta
elixir da vida
raio luminoso

que se achega.





viernes, 20 de mayo de 2011

O abandono que medra

Imaxe Xanela
Pincha para agrandar



Pousouse a lúa nas hedras
para dete-la subida
da serpe polas fiestras,
chora a nube de saudade
sobre salgueiros e xestas,
canta tristeiro o merliño
agochado entre as silveiras
ouvea o vento ferido
polas rendixas das pedras
é tanta, tanta a morriña
que na alma escaravella
que se arrepía o silencio
dos que miran dende a tumba
o abandono que medra.



domingo, 15 de mayo de 2011

Promesas





Este vaise e aquel vaise
e todos, todos se van
xa o dicía Rosalía
e agora volve a pasar
os nosos fillos na porta
coa maleta na man
Galicia xa non lle ofrece
onde gaña-lo seu pan,
qué hai de tantas promesas
para poder traballar?



lunes, 9 de mayo de 2011

Tantas verbas


Bla Bla de Benheine

…e serei eu quen che diga
eu que sen ti non son nada
miña terra entumecida
sempre contigo na alma

que afastes dos teus eidos
a néboa á que eres tan dada,
que acendas faros de luz
que se vexan os vieiros
ós xardíns das arelanzas.…




miércoles, 27 de abril de 2011

Arrecendos

Imaxe Xanela


E ten tanto que ofrecer
o xardín na primavera
que cando murchen os lirios
quedarán tenras lembranzas
no arrecendo da herba,
no nacemento dun soño
no cantar da fonte vella
nas tardiñas cara ó mar
no noso banco de pedra.



domingo, 10 de abril de 2011

A verdade do amor




E non quería que o sol
murchara,
dicía de garda-lo
seu fulgor
na calor dunha caricia
na semente dunha flor
na luz que
sirva de guía
na verdade do amor.





sábado, 2 de abril de 2011

Elixir de vida





Pequenos soles
colgan da néboa
un sí e un non
entre cortinas
a mensaxe de amor
dunha cantiga
o tesouro oculto,
o elixir da vida

por qué do seu recato
por qué non ve-lo día
sabedor de luz
clarificador da noite,
delicia miña.





jueves, 24 de marzo de 2011

Abrirse á vida




Abre a fiestra da túa alma
e contempla …
este canto de amor,
esta explosión de beleza
non hai recuncho da terra
que non faga brotar
o teu sorriso,
ábrete á vida.

Natureza xenerosa
ponlle conciencia
o pensamento humano.




martes, 15 de marzo de 2011

Vísteme de cores

Imaxe de internet



E agora que a chuvia
é un lamento de bágoas
que mollan as pedras,
necesito da túa presencia

vísteme de cores
meu sol de primavera
que o teu raio luminoso
me ate a vida.



domingo, 6 de marzo de 2011

Bicos de tempo

Imaxe de internet



Non está en ti, nin en min
dete-lo día
corre ás presas
trala noite,
sempiterno amante
enfeitizado pola lúa

na bóveda celeste
está escrito
o lascivo encontro
selado polos bicos do tempo.


martes, 1 de marzo de 2011

Pétalos feridos

.
.
.


Este novo amencer
de perfumada beleza
sabe dos pétalos
feridos do deserto,
escoita os laios
na desolada brisa

a tenrura feita
flor de primavera
acolle a súa tristura,
invade os ceos
con manto inmaculado.

.

martes, 15 de febrero de 2011

Badaladas de amor

Imaxe de internet




Non preciso de palabras
cando é o teu silencio
o que pronuncia o meu nome,
cando atopo nos teus brazos
caracolas de ledicia,
cando vexo nos teus ollos
o relumbre das estrelas,
cando pousas nos meus beizos
latidos de bolboreta,
cando sinto no teu peito
badaladas infinitas

non preciso doutro regalo
que me confirmen o amor.




domingo, 6 de febrero de 2011

No mesmo silencio






Creo que non son os anos
os que maduran…

despois do ouveo do lobo,
é a túa voz a miña voz
a que amosa tenrura,
é o teu silencio
o meu silencio,
o mar no que xuntos
nadamos
baixo o claro da lúa.



miércoles, 2 de febrero de 2011

Volta a vida

Regenesis(Roberto Arenas Esqn..)



Escoito meu amor
unha cantiga
na latencia da árbore núa,
o espertar do bico
nos pétalos durmidos,
a mensaxe nas suaves
notas da brisa
a luz, a esperanza
a puxanza da vida.



jueves, 27 de enero de 2011

Un soño

Ana Cabrera (lúa enamorada)


Quixera ter un soño,

…ese soño místico
de pracidez na noite clara

flotar sonámbulo
que protexe, que desata
invisibles fíos tea de araña

ese soño …
que se adensa no infinito
que libera, que calma
que ama.



jueves, 20 de enero de 2011

Obrigada ausencia





Xa estaba a existencia
sumida
na máis densa escuridade
e amósase o ceo
xeneroso
no ignorado raio

foi amor
na túa obrigada
ausencia
cando os brotes das lilas
pregaron pola luz

é a túa presencia
delirio agradecido
dos meus beizos.




viernes, 14 de enero de 2011

Esencia




No recuncho do pensamento
un mundo prendido
dun pétalo violeta

hálito de luz
esencia,
que conforta
que libera.



jueves, 6 de enero de 2011

Confía amor

butterfly-back.jpg

A luz ferida
dos teus ollos
amosa o medo,
a esperanza
viaxa na nebulosa

confía amor

abonda o sol
que alumará
os nosos ceos.